Menú Cerrar

Trail longo de Ferreira de Pantón (Circuito de Trail Galaica) [24.09.2017]

Por Olalla Conde Seoane:

A mañá do domingo 24 de setembro tocou desprazarse ata Ferreira de Pantón para desputar a última proba do circuito de Trail Galaica, logo de diferentes carreiras ao longo da xeografía galega. A “primeira carreira” foi levantando o pé do acelerador, porque unha mesta néboa agochaba as curvas dunha carreteira relativamente serpenteante, e o obxectivo era chegar a Ferreira sana e salva ca fin de desputar esta proba.

Unha vez alí, os nervios iniciais, o frío de comezos de setembro na zona da Ribeira Sacra estrenando o agardado outono e as persoas da organización e voluntarias a mil para que todo saia ben, entre tantas cousas que non che da tempo a reparar nese intre no que fas cálculo mental para intentar non esquecer nada antes da saída.

Un autobús debía trasladarnos dende o pobo até o punto da saída, no embarcadoiro da Maiorga.  Aínda que constaba sobradamente publicitado, houbo persoas que non deberon decatarse, porque houbo que retrasar a saída case unha hora para que tódolas inscritas puideran facer parte da proba… pequeno contratempo, e grande organización que xestionou todo perfectamente para que repercutir o menos posible no colectivo de participantes e puidéramos desfrutar igualmente e sen excesiva dilación do fantástico evento.

A saída, para variar, subindo. Un pouco de llaneo de cando en cando para enganar as pernas e seguir subindo. Houbo un par de tramos máis técnicos no trazado longo; destacar a Fervenza de Auga Caída, a cal facía necesario deter uns segundos os pasos para poder levantar a vista e desfrutar da fermosura da auga caendo, como distraídamente, sobre a paisaxe sobrecolledora… un espectáculo que precisou de esfolar un chisquiño cu e pernas, pero mereceu a pena;  tamén dignos de levantar un pouco os pés para posar a ollada sobre eles os viñedos da finca Míllara, e as vistas sobre o río Miño. A verdade, aínda non atopei unha carreira que non merecera a pena facer, nin unha paisaxe que non merecera a pena observar…

Particularmente gosto moito das carreiras do circuito de Trail Galaica (sen que sone a que lle quero facer publicidade, que podo asegurar que non cobro comisión).  O trato ás persoas que nos achegamos a desfrutar (e sufrir) as rutas que agarimosamente nos preparan é moi persoal, son xente resolutiva, os avituallamentos son ben xeitosos, e co paso do tempo e as carreiras conseguiron xestar un ambiente espectacular. Botarei de menos o circuito deica o ano que vén, e ás persoas que carreira a carreira se van sumando, aínda que eu non poida ser todo o habitual que quixera por diferentes circunstancias. Grazas a todas as persoas que fixestes parte da carreira, dende a organización e máis ao pé das que corrín. Gracias ao meu clube tamén por achegarme a estas experiencias, e contar con persoas que son exemplo de superación. Xa non engado máis caracteres ao texto, que se alguén tivo a paciencia de chegar á final, gañou o ouro á perseverancia.

O domingo que vén, se non hai contratempo, vémonos no Trail da Ribeira Sacra. Deica pronto!

Posto 34  – Olalla Conde Seoane – 2:50:03
Posto 1º Absoluto Femenino.
Fotos: Organización Circuito Trail Galaica y Jorge Carreira, publicadas en Facebook.